Saturday 11 de May de 2024

Presentación oficial do Dépor Campus


A Mancomunidade de Ordes colabora na celebración desta actividade deportiva que se desenvolverá do 24 ao 28 de xullo nas instalacións de Vista Alegre. Poderán participar nenos e nenas de 6 a 14 anos
O Dépor Campus chega ao concello de Ordes este verán. Concretamente desenvolverase do 24 ao 28 de xullo, de 10 a 14 horas, no campo de Vista Alegre, e está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos. O campus futbolístico organizado polo RC Deportivo da Coruña foi presentado oficialmente na tarde de onte en Ordes, nun acto no que se contou coa asistencia de Pablo Barros, director do campus; Xosé Barcala, director de metodoloxía; Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes; José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes; Ana Soneira, concelleira de Deportes e Toño Vázquez, representante da S.D. Club Ordes.
A mecánica desta iniciativa baséase na aplicación do chamado método Dépor. Entre os obxectivos que se perseguen están a ensinanza de habilidades e conceptos en relación cos compañeiros, opoñentes e co xogo dos porteiros; fomentar a adquisición de hábitos alimenticios saudables e a transmisión de valores representativos do club como son o respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade. Todo iso impartido por profesionais pertencentes ao club herculino e apoiados por técnicos do Ordes.
As inscricións xa se poden realizar ata o 20 de xullo a través do enlace http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/ordes-2017/inscribete. O prezo é de 120 euros. Os xogadores da S.D.C Ordes, familias numerosas e en situación de exclusión social e a partir do segundo fillo gozarán dun desconto especial de 20 euros. Cada xogador recibirá o debida equipamento, merenda diaria, entradas para encontros do torneo Teresa Herrera, material deportivo, ademais de entrar en distintos sorteos etc.
Todos os representantes institucionais presentes no acto agradeceron a consideración do RC Deportivo da Coruña por incluír a comarca de Ordes dentro do seu itinerario. Tamén puxeron de manifesto o seu desexo de que “esta sexa a primeira de moitas convocatorias deste tipo que se organicen de maneira conxunta”. Con Ordes son xa dez as localidades das provincias da Coruña e Lugo que acollerán o Dépor Campus este verán. Tanto a Mancomunidade de Ordes como a S.D. Club Ordes colaboran activamente na súa celebración.
Dende o comezo da súa andaina, hai tres anos, o Dépor Campus xa conta con 13 sedes, algunha incluso no estranxeiro como a de Suíza, e polas súas filas levan pasado xa máis de 3.500 nenos e nenas.